Cando falamos de Calvelo temos que falar tamén de Bos Aires, de Montevideo, de Caracas, de México,... pois alá foron moitos que non retornaron e uns poucos mais afortunados, que hoxe en día comparten o seu tempo de lecer entre os dous continentes.
Cando falamos de Calvelo temos que falar de Alemania, principalmente de Stuggart, onde os homes de Calvelo demostraron alá pola década de 1960-1970 a súa capacidade de adaptación infinita, adaptación a unha lingua imposible de aprender, a unha sociedade industrial e urbana no extremo oposto a nosa sociedade rural e agrícola, capacidade de en moitos casos superar o sufrimento de deixar aqui as súas mulleres, soas e coa responsabilidade de educación en solitario dos seus fillos e fillas e do mantemento dunha agricultura e ganaderia familiar de subsistencia, tres ou catro vacas imprescindibles cultural e económicamente. Tamén unha muller, a Milagros, foi quen de facer este camiño cara Alemania separándose do seu home e dos seus fillos. Noutros casos foi o matrimonio quen emigrou separándose ambos dos fillos. Dificil imaxinar mais sufrimento.
Cando falamos de Calvelo temos que falar de Madrid, onde axudamos a labrar o tópico do galego traballador ao amarrarnos horas e horas ao volante dun taxi.
Cando falamos de Calvelo temos que falar de Ermua e Eibar, onde unha xuventude filla xa de anteriores emigracións emigrou unha vez mais para traballar en fábricas e outra xuventude naceu e se educou nunha cultura que necesariamente mistura o lacón con grelos co Txistu, a retranca coa franqueza.
Por iso nunca te estrañes se camiñando polo mundo atopas un mestre de Calvelo, ou un escritor, ou un conductor, ou un fontaneiro ou unha enfermeira ou …………………….., para todos eles, para os que se foron, para os que voltaron, para os que se quedaron, a nosa homenaxe en forma de blog e a nosa lembranza en forma de fotos.
Influences
Adiós, ríos; adios, fontes;
adios, regatos pequenos;
adios, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.
Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,
prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,
muíño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras,
da igrexiña do lugar,
amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
camiñiños antre o millo,
¡adios, para sempre adios!
¡Adios groria!¡Adios contento!
¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conozo
por un mundo que non vin!
Deixo amigos por estraños,
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero...
¡Quen pudera non deixar!
Mais son probe e,mal pecado,
a miña terra non é miña,
que hastra lle dan de prestado
a beira por que camiña
ó que naceu desdichado.
Téñovos, pois, que deixar,
hortiña que tanto amei,
fogueiriña do meu lar,
arboriños que prantei,
fontiña do cabañar.
Adios, adios, que me vou,
herbiñas do camposanto,
donde meu pai se enterrou,
herbiñas que biquei tanto,
terriña que nos criou.
¡Miña casiña!,¡meu lar!
*
*
Sendo eu mozo, polos anos de 1850 sería, deulle por se apareceren a moitos difuntos, vestidos de Branco e con luces; en pendellos,en rueiros, nas entradas e saídas e nas encrucilladas.Andaban de procesión; uns por teimar en pedirlles aos herdeiros que devolvesen o roubado, outros por mor dunha misa, outros que tumba e que taramba.E tamén viñeron á vila de Maceda.É o caso que, nunhas noites pechas de inverno, déronse en ver debaixo dos toldos do mercado, cinco ánimas todas de Branco e coa súa luz, pasiño, pasiño, para riba e para baixo.Das dez en diante non se vía unha alma pola rúa, co medo.Mandaban as do outro mundo: a procesión esvaíase despois de dar voltas.Esí unha noite e outra...
Un día, xa era vergonza, xuntámonos unhos cantos.Dito e feito.Collemos unhos bos estadullos e puxémonos tras da capela vella, ao fondo do toural. Deu un asubío o Pepe da Tenda a alá fomos a estadullazo limpo, pau que te criou. Eran de carne e oso que logo apagaron as luces e deron en fuxir na escuridade. Dous deixaron as sabas e foron polo Rouso abaixo, alancando a mais non poder.Corrían mais cos vivos.Os outros amarrámolos ben. Dous mozos solteiros e un casado, de Calvelo.Moito pediron, e mesmo polas ánimas benditas, pero ir foron ao cortello dos porcos.Fervéuse un xerro con pez e tres farrapos de lenzo cru e, espidos, un por un llos fomos chantando onde mellor é non decilo.Esí pasearon a vila enteira deica ceibalos no Pombal.A festa non é para dita…. Eligio Rivas ................................................................................................
Era un vinculeiro de Calvelo de Zorelle que todo lle era pouco en dar fachenda ás dúas fillas que tiña. Tan fafón era il como serían elas. Nin menos ca dúas costureiras e dous xastres tiña polo ano adiante para lles tallar xustiños e dengues, vestidos e perendengues. Xastres de sona e costureiras con dedal de prata, todos ben mantidos e folgados, con moita gana de leria e tempo para aduanar trasnadas. Elí estaban, sempre de vagar, as fillas do vinculeiro para lles rir a boria e falcatruadas. Andaban as costureiras sempre de xurxemurxe en faguelas e apañalas. A cousa acabou cando un dos xastres, mais vello e aduanante, lles pagou cunha que iba ser sonada, Cortóu coas teseiras dous pegós dun pelexo vello; quentounos deica derretélo pez e , sin elas darse conta, cando na sesta elas escrebaban o sono en señas cadeiras, fixo que nos pegós se sentasen. E coíles se ergueron, dependurados a recadén para bafo delas e xolda e divertimento dos demais que se riron ás cachas.
Falóuse do caso en toda a contorna, tanto ou máis ca das fillas do vinculeiro. Pero a carraxe e rechineira foi de todo o pobo pola cántiga que se corréu:
Elas eran de Calvelo,
Elas de Calvelo son,
Elas eran de Calvelo…
Das que levan o pegón.
Eligio Rivas, basado na versión de Lamas Carvajal.