Hoxe falamos coa Asociación Xuvenil O Pipote
Fecha Tuesday, 28 October a las 07:02:44
Tema Gentes y Personajes


Os membros da Asociación Xuvenil O Pipote nos adiantan detalles do Castañazo. “A festa estará asegurada ata altas horas”

O pasado sábado tivemos a ocasión de entrevistar os membros da Asociación Xuvenil O Pipote que nestes días andan ultimando tódolos detalles do que será o primeiro festival alternativo e magosto Castañazo 2008. Ós pes do Castelo, presentáronnos o cartel e aproveitei para falar con eles de cómo se traballou para que o próximo sábado 1 de novembro, todo este listo e que a festa saia perfecta. Durante toda esta semana o seu blog publicará entrevistas ós grupos asistentes e as últimas informacións sobre o festival.

Asociación O Pipote

- ¿Como van os preparativos do primeiro Castañazo?

- Van ben. Levamos as ultimas semanas de duro traballo, pero agora só falta esperar a que o tempo nos axude e que a xente se anime.

- ¿De que forma se desenvolverá a festa e que menú ofreceredes?

- Comezaremos primeiramente ás sete da tarde, coas actuacións dun grupo de gaiteiros amigos, e logo comezaremos a servir a comida do menú, que como sabesdes será empanada galega, chourizo e castañas a parte da bica para o postre e o pan e o viño. Todo iso entorno ó lume. Máis tarde e ben entrada a noite escoitaremos os catro grupos do Castañazo.

- ¿Con canta antelación traballastes para organizar este evento?

- Empezamos a traballar en setembro, pensando nun proxecto local, con dous grupos, pero ó final contactamos con outros dous de maior entidade. A partir de agora, traballaremos coa intención de que o festival se desenvolva tódolos anos con dous grupos de fora e outros locais. Neste caso contaremos cos Cuchufellos para unir simbolicamente Manzaneda e Maceda, dúas localidades cercanas no macizo central.

- ¿Todo se financiará coa venda de tiques ou contades con outros apoios?

- Partimos cos cartos da venda de tiques, das rifas do nadal e cas ganancias que vaia xerar o bar que montaremos na festa. Contamos igualmente co apoio do Concello de Maceda e da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia. Estamos a falar dun presuposto que anda por os sete mil euros e que para a nosa Asociación é un presuposto moi notable.

- ¿Foi moi complicado o contactar e coordinar a todos os grupos que acudirán?

- Non. Nun principio intentamos contactar directamente e evitando axentes para que nos saíse máis barato e utilizando sempre os contactos persoais entre todos nós. O noso compañeiro, o neto do Fonso, foi o encargado de contactar cos grupos de Madrid e de pechar así o programa final do festival

- ¿Existe un horario aproximado da orde e hora na que actuará cada grupo?

- En principio empezaremos o festival a partir das nove e media. Non adiantamos á orde dos grupos por se finalmente hai algún cambio e esperamos rematar sobre as tres da mañá. Para poñer o punto e final a cita musical, pincharemos música co equipo de son que disporemos. A festa estará asegurada ata altas horas.

- O lugar é na zona do Castelo, ¿Por algunha razón?

- Si, hai anos en Maceda facíase un festival chamado Noites do Castelo e a nosa idea dende hai un tempo era recuperalo. Queremos utilizar o mesmo lugar onde se celebrada daquela, para facer o noso festival. Aparte, tamén se trata dun lugar de referencia para todos os macedáns.

- ¿Como xurdiu a idea?

- Tiñamos a idea de facer un festival e logo facer un magosto e pouco a pouco rematouse facendo o Castañazo. Algún compañeiro comenta que se nos foi un pouco das máns, pero bueno, ahí está.

- ¿Cantos membros da asociación estaredes ese día pendentes de que todo saia ben?

- Entorno a vinte persoas, que somos os que formamos parte da Asociación Xuvenil O Pipote.

- A día de hoxe, ¿Tedes algunha previsión do número de persoas que asistirán?

- Queremos ser optimistas e pensamos que podemos chegar a catrocentas cincuenta persoas que é para as que faremos comida. Temos contactos con outras asociacións de Galicia, que nos confirmarán esta semana o número de membros que asistirán. Tamén temos contactos para que estea unha pulpeira e artesáns para a venta de artigos.

- ¿Podédesnos adiantar algunha actividade futura que teñades en mente?

- Como nos dous últimos anos, organizaremos a viaxe para asistir ó partido da selección autonómica de Galicia, que nesta ocasión será contra Chile. Haberá que esperar para saber en que campo de fútbol se vai a celebrar. Isto a parte da Festa das Olas no Entroido, o maratón de fútbol-sala e as Letras Galegas. Pero podemos adiantar que para o ano que ven haberá algunha máis.

- Para finalizar, en relación coa vosa vida na vila, ¿Cal é o recordo que tedes de Maceda, na vosa infancia?

- Algo que nos marcou moito foi a nosa historia como asociación de amigos. Aínda que ten un ano de vida, levamos moitos anos unidos. Xa tivemos distintas sedes, nas cercanías do instituto, pasando polo Toural -algunhas arderon- e ata un local de pago que houbo que deixar porque non o demos sostido. O elevado prezo fixo que se tivese que deixar. Tras varios anos de loita, co cambio de goberno, temos dende a pasada Semana Santa un local xunto a biblioteca. Se nos poñemos a recordar, diríamos que todos eses anos nos traen bos recordos.







Este artículo proviene de MacedaVirtual, Portal sobre Maceda (Ourense)
http://www.macedavirtual.com

La dirección de esta noticia es:
http://www.macedavirtual.com/modules.php?name=News&file=article&sid=1409