Un Crego ilustrado Orixinario De Maceda
Neste 2001 cumpríronse centro trinta anos do nacemento e sesenta da morte de Manuel Carlos Vidal Rodriguez. Este presbítero erudito -hoxe apenas coñecido- naceu en Maceda en 1871, cando a vila emerxía como centro económico relevante; unha das máis célebres e boiantes da provincia de Ourense en verbas súas. Pertencía a unha familia acomodada con facenda e caseiros. Rexentaban unha botica na ágora principal da vila, chamada -daquela- Praza da Constitución.
A nosa aproximación a este prolífico docente, escritor e investigador comezou a finais dos 70. Chegara as nosas mans unha xoia da súa autoría que gardamos con paixón bibliófila: El Pórtico de la Gloria de la Catedral de Santiago. Explicación arqueológica y doctrinal editado en Compostela en 1926. Retomamos a súa lectura agora que o Cabido catedralicio estudia seriamente a restricción a este “prodixio escultórico cincelado polo Xénio da Arte”. A portada e as ilustracións son de Camilo Díaz Baliño (pai de Isaac Díaz Pardo) co que mantivo acesa colaboración nos anos 20.
Vidal, que fixo carreira eclesiástica, acadou tamén o doutorado en Filosofía e Letras coa memoria Estudio del Régimen Gramatical en Latín por medio de cuadros sinópticos. Foi vocal honorario do Consello Superior de Protección da Infancia. No Madrid de comezos do século XX inseríuse na órbita dos cregos galegos destacados nos medios eclesiásticos da Corte, con Basilio Álvarez e Javier Vales Faílde. Os tres conduciron a revista Galicia que se imprimíu entre 1906 e 1909 alí. Reivindicacións antiforais, o Valle-Inclán das Sonatas, colaboradores novos (Castelao) e a corrente agraria arredor do que despois sería Acción Galega, farían que Vidal se movese en primeira liña naquel círculo elitista.
Logo viría o troco de residencia e a cátedra de Literatura en Compostela. No curso 1914-15 xa exercía como profesor de Lingua Castelá no Instituto de 2ª Ensinanza, actual IES Arcebispo Xelmírez I, no que tivo relevantes alumnos: En As décadas de Lois Tobío (94), este fundador do Seminario de Estudos Galegos, lembra que Preceptiva Literaria impartíulla Vidal, “un crego campechán e corpudo que, malia ter vivido algún tempo en Madrid, non perdera o xeito e acento rurais. Era amigo da leria e de contar contos; fixera unha colección de apólogos que nos facía ler na clase. Así aprendemos algunhas cousas da técnica literaria tradicional”. En Relembros do Instituto (95), Domingo García-Sabell tamén rememora ao ensinante de Preceptiva en cuarto e de Historia da Literatura en quinto: “Estou vendo ao meu mestre, o sacerdote D. Manuel Vidal co seu considerable vulto físico, co seu marcado acento galego e a súa querencia pola creación novelística e o ensaio histórico. Sabía ensinar dun xeito vivo poñendo énfase no que dicía e espoleando en todos nós un degoiro de sana competencia”.
Cando se instaurou a II República (14 de Abril do 31), Vidal foi ratificado como vicedirector por un período de cinco anos máis. Da súa biografía salientemos o que o historiador Francisco Carballo exhumou no libro A Igrexa galega na Galiza Contemporánea (78): Vidal asinou en 1932, xunto con outros intelectuais, un manifesto a prol do Estatuto de Autonomía que aínda tardaría catro anos en plebiscitarse. Foi, xunto con outro eclesiástico (Portela Pazos), o primeiro que deu tal paso daquela. Mantivera tamén amizade co arcebispo Lago González (1924-25). O prelado escribira 62 poemas en galego e fora amigo de Murguía, co que estivera na Asociación Rexionalista Galega, nos Xogos Florais de Galiza e na corporación fundadora da Real Academia Galega en 1906. Lago González presidira a estrea do drama histórico La Reina Lupa de Vidal o 27 de Maio de 1924 no Salón Teatro da Casa Social, propiedade da Liga de Señoras de Santiago. Díaz Baliño deseñara os decorados, “sen dúbida o máis notábel que, neste xénero, fixo o xenial escenógrafo compostelán”, declararía o autor.
Orabén, o Vidal que preferenciamos é o dos relatos e novelas curtas en galego. Endebén no 85 puidemos achegarnos a outras dúas obras del, xa que logo, a Editorial Albarellos reeditou Don Porrazo que na súa primeira edición (1909) adicara a Armando Cotarelo e Deixe que xa: contos e novelas de asunto galego (1931) Na presentación da edición facsimilar de Don Porrazo, o estudioso local Lorp-Dic di que se deixa ver unha historia da bisbarra que ben poderíamos chamar “Estampas macedanas” ao estilo das “Estampas matritenses” de Mesonero Romanos. Mostra Vidal retallos da súa infancia en Maceda, no Colexio dos Milagres, en Barra de Miño...; critica o problema foral no que aínda andaba a súa parroquia e amosa simpatías por Feixóo, Lamas Carvajal e a Pardo Bazán. Deixe que xa..., un feixe de narracións tradicionais, foran redactadas no verán de 1930 na praia de Coroso en Santa Uxía de Ribeira. No prólogo escrebe o coengo macedán: “O idioma galego está intimamente compenetrado cos nosos sentimentos e costumes. É insustituíbel nas narracións de carácter popular”. En varios relatos pulula, outra volta a súa Maceda natal ao igual que en Contos galegos d´antano e d´hogano (1920) con portada de Castelao nos que Vidal inxerta vinte relatos da tradición oral e catro noveliñas.
En 1912 apareceu en Madrid unha longa novela -Elena de Síbaris- na que facía unha incursión naquela colonia grega asentada na Italia meridional de hai máis de vintecatro séculos. A Pardo Bazán -que xa coñecía dende 1901- semella a mecenas da publicación. O vencello intensificaríase posteriormente en Galiza, xa que logo, Vidal residíu no Pazo de Meirás cinco veráns -de 1914 a 1918-. Era o capelán protexido da condesa. En 1939 editou Torres de Meirás. Vida de trabajo de la Condesa de Pardo Bazán y el Caudillo. Fora redactado no 38, cando a Guerra Civil daba os penúltimos coletazos. Na primeira parte descubre algunhas das súas afeccións: longos paseos ao carón do mar, lecturas de prensa e tertulias privadas coa escritora sobre Literatura, Filosofía e Relixión. Tamén fala da caza, outra das súas paixóns. Lorp-Dic filtrounos que se desprazaba con frecuencia a Maceda e a Serra de San Mamede para practicar o deporte cinexético. Na segunda parte do libro esboza un panexírico a Franco pouco afortunado, só xustificábel polo intre dramático no que se vía sumida España.
Das súas entradas no xénero teatral -ademais de La Reina Lupa- salientemos obras representadas con éxito en Compostela: El Abuelo de Rosendo -estreada no Salón Teatro en Decembro de 1922- e outras menores: ¿De quen é a vaca?, Un xues de devorcios, O sí de Grabiela, Puebla de homes ou ¿Quen manda na casa?...
O Vidal do ensaio antropolóxico e arqueolóxico tamén nos seduce. Eis -con López Ferreiro- o divulgador das orixes de Compostela. Ademais da monografía adicada ao Pórtico da Gloria, escribíu unha obra que obtivo o premio “Bispo Carrascosa” nos Xogos Florais de Ourense (7 de Xuño de 1901) coa Pardo Bazán de mantedora e con Marcelo Macías e Lamas Carvajal no xurado: Institutos y congregaciones. Beneficios que reportan a la sociedad, apareceu en Madrid ese ano adicada ao bispo de Tui, Valeriano Menéndez Conde. En 1907 publicou tamén alí, Conferencia sobre la pasión del juego e unha monografía relevante: La Salve explicada. Na II edición reelaborada (1923), Vidal desvela a xestación o libro, xa que logo, xermolou dun compromiso local: Tiña que substituír ao párroco-arcipreste de Maceda (Manuel Estévez) para predicar un panexírico á Virxe na antevéspera da festividade da Nosa Señora das Neves. A preparación para unha intervención dende un púlpito na súa terra natal, trocouse en todo un manual ao uso para moitos sacerdotes e teólogos de seminario. Ademais obtivo críticas moi favorábeis na prensa católica de Madrid. Basilio Álvarez calificouna como obra mestra. Daquela Vidal puntualizou: “É unha preciosa oración, en cuxos breves termos está contido o índice de case toda a Teoloxía mariana”. No prólogo de 1923, Javier Vales Faílde -coengo do Palacio Real e académico de Ciencias Morais e Políticas- tenta demostrar que o verdadeiro autor da Salve foi o galego San Pedro de Mezonzo.
En 1924 tirou do prelo do Seminario compostelán outra obra interesante: La Tumba del Apostol Santiago, ilustrada con cen fotograbados nunha edición de luxo. Outra volta aparece Díaz Baliño como autor da portada. “É un compendio de canto a Tradición e a Historia nos dí acerca das orixes da catedral e da cidade”: Iria Flavia, o Castro Lupario, O Pico Sacro, a descuberta do sepulcro, as peregrinacións... No capítulo XXV manifesta a súa admiración por Castelao: “ese artista tan xenial e galego tan ilustre”. Aínda que Vidal preferencia o concepto Rexionalismo escrebe na páxina 191: “Unha florecente agrupación de intelectuais, escritores e artistas, despregan a bandeira do Nacionalismo, cuxa aspiración é o engrandecemento de Galiza na orde económica, social, literaria e artística, á que se opón indirectamente unha política anticuada e sanchopancesca que tanto dano está a facer a Galiza e a España”. Fora redactado en Agosto de 1923!
A súa enorme producción vencellada co mundo da docencia daría para unha tese. Ademais da memoria de doutoramento, temos escaneadas: Historia de la Literatura española, Lecciones de Preceptiva general literaria, Lecciones de Preceptiva especial de los géneros literarios, Nociones de Estética, Proyecto de organización del bachillerato, Al margen de la reforma del bachillerato: observaciones, Lengua y Literatura española. Plan cíclico, Antología de apólogos castellanos de cien escritores y poetas moralistas, Cancionero de Navidad. Villancicos y diálogos pastoriles de poetas castellanos de los siglos XV, XVI y XVII, Ortografía de la Lengua castellana, Lecciones de Gramática elemental de la Lengua castellana...
Quedarían as súas colaboracións en publicacións periódicas: Na Revista Airiños da Miña Terra editada na Habana en 1909; noutra -tamén chamada Galicia- do Centro Galego de Buenos Aires en 1913; no semanario escolar compostelán Maruxa en 1917; nunha revista quincenal de cultura galega -Utreya- en 1919-20; outrosí no xornal El Ideal Gallego cunha sección fixa -Narraciones compostelanas- nos anos 20...
Finou este crego ilustrado no seu domicilio compostelán fronte á Alameda (Carreira do Conde, 12), ás nove da mañá do 3 de Maio de 1941. Sesenta anos despois quédanos o ronsel da súa dilatada obra. Porén hoxe Vidal amósase relegado. Agardemos cumprida reparación, tanto no seu lugar de orixe, como no de adopción. O gran divulgador da vila de Maceda no primeiro terzo do século XX, merecería -cando menos- lle adicasen a praza que o veu nacer. Despois dese xesto deberían agromar as outras iniciativas.-
SANTIAGO PROL
Compostela, 28.XII.01.-
Copyright © por MacedaVirtual, Portal sobre Maceda (Ourense) Derechos Reservados.