Entrevista a Aníbal Blanco
Publicado en La Voz de Galicia el 1/4/07
Aníbal foi onte o encargado de representar á empresa fundada polo seu pai no ano 1972. A súa intervención foi moi breve e resumiu o sentimento da firma -que agora dirixen el e seu irmán Manuel -, cun «moitas grazas, de verdade, a todos».
-¿Cuantos vehículos teñen agora na flota?
-Agora mesmo son 130, repartidos nas plataformas de Ourense, Madrid e Francia, dende onde damos servizo ao resto das rutas. Segue sendo unha empresa familiar, que creceu con moito esforzo porque os tempos eran os que eran, pero que hoxe está ben posicionada. Temos un centenar de traballadores e coa incorporación da segunda xeración entramos tamén no sector da loxística, que se puxo moi de moda dentro do que é todo o mundo industrial dende os anos 90.
-¿Levarán todos a nova campaña de Allariz?
-Non todos, porque algúns xa teñen outro tipo de rotulación que temos que levar das empresas clientes e son incompatibles e non sería lóxico, porque tamén necesitamos que os nosos nomes circulen polas estradas de Europa. Pero en todos os demais si que se colocará.
-¿Cómo explica un home de empresa o non cobrar por un servizo como este, e por riba perder cartos para os días de rotulación?
-Inda que non nacemos en Allariz, senón que nacemos como empresa en Ourense e nós somos orixinarios de Maceda, si é certo que temos unha gran vinculación con esta vila. A empresa estivo aquí e temos una firma aquí en Allariz. É un concello onde sempre nos acolleron de forma estupenda, tanto os responsables das institucións como a xente en xeral. Si a iso lle unes unha amizade persoal que nos une a Paco -refírese ao alcalde-, pois a verdade é que non é nada excepcional, senón que nos parece unha marabilla poder colaborar con un concello que ten tanta proxección como este. De feito eu penso que é un intercambio, porque si o alcalde afirma que esta empresa da prestixio a Allariz, tamén a nós como empresa nos dá prestixio levar esta publicidade de unha marca recoñecida como é xa Allariz.
-¿E non se celarán os de Maceda?
-Penso que non. De tódolos xeitos nós estamos dispostos a colaborar sempre, nas medidas das nosas posibilidades.
Ver noticia original en La Voz de Galicia