Publicado en La Voz de Galicia, Ed. Ourense, el 1/12/06
A única razón pola que Ourense e Lugo non tiñan restos era a falta de investigación
O congreso en honor de Florentino Cuevillas centrarase hoxe na arqueoloxía clásica
A prehistoria foi protagonista da segunda xornada do simposio que sobre arqueoloxía estase a desenvolver en Ourense como homenaxe a Florentino Cuevillas. O catedrático Antón Rodríguez Casal, da Universidade de Compostela, que dirixe o catálogo do megalitismo galego, co que andan agora pola Costa da Morte, subliñou que se hai anos dicíase que o megalitismo era un fenómeno atlántico, costeiro, e que non había tantas mámoas no interior, esto segundo non era de todo certo. Non as había en Lugo e en Ourense porque non se investigaba o suficiente.
«Nas zonas orientais de Lugo e Ourense había menos mámoas», explicou para engadir que en Ourense había máis que en Lugo porque aquí contouse, entre outros, con Florentino López Cuevillas: «Preguntámonos que pasaba e o noso proxecto integral de catalogación comezámolo por Lugo e levamos unha sorpresa. E a segunda, en Ourense, o que pasa é que aquí temos máis datos, os de Cuevillas pero logo cando comezou a traballar José María Eguileta na Baixa Limia, de súpeto apareceron máis mámoas», dixo o catedrático.
Na provincia ourensá, dacordo cos datos que ofreceu Rodríguez Casal, atoparon unhos seiscentos túmulos. «Ten que haber máis. Despois da tese doctoral de Eguileta, na Baixa Limia tiñamos un número determinado de mámoas, unhas duascentas pero é que agora temos moitas máis. ¿Que está pasando cos incendios este ano por exemplo, na provincia da Coruña? Pois que aparecen mámoas que antes non podiamos atopar por mor da vexetación», explica o catedrático compostelán.
Recoñecemento
Do megalitismo da provincia de Ourense subliñou que o máis interesante é a sua longa historia na investigación a partires de Cuevillas, «que nos permite poder iniciar ben o camiño polo que hai que facer un recoñecemento a esa figura excepcional». Ourense sempre estivo moi vinculada con Portugal e desde os anos noventa, indicou Casal, os traballos de Eguileta sacan novos monumentos prehistórios.
«É un megalitismo tan importante como o de calquera outra zona e penso que a carencia ou non de datos vén dada pola falta de investigación. ¿Por que aparecen tantos momumentos na Serra do Leboreiro, na Baixa Limia? Porque foi ben estudada. Se damos un paso noutras zonas veremos o mesmo. Hai grandes dólmenes en lugares como a Serra de Entrimo, etc. E Ourense ten máis interese porque hai zonas de alta montaña. Hai anos decíase que nas montañas non había mámoas. Témolas en Pena Trevinca e en Cabeza de Manzaneda», contou Casal. Ourense permite, dixo, analizar ben desde o punto de vista da evolución do poboamento, da ocupación do territorio zonas tan diferenciadas como poden ser Cabeza de Manzaneda ou o val de Maceda.
Ver Noticia original en La Voz de Galicia