Publicado en La Voz de Galicia el 12/11/06
A Fundación Germán Estévez considera necesaria unha liña de axudas para os propietarios
Unha entidade medioambiental solicita a certificación para soutos de dez municipios
Unha entidade ecoloxista solicitou á Xunta que inicie a tramitación para crear unha denominación de orixe da castaña ourensá. A Fundación Germán Estévez para a Protección da Natureza e a Defensa do Medio Ambiente asegura nun comunicado que esta certificación está plenamente xustificada «pola súa calidade e por ser un produto ecolóxico na súa totalidade». Esta petición xa foi formulada fai máis de dous anos por un grupo de voluntarios e técnicos da citada fundación. «Por tratarse dunha especie que ten amplas condicións de mercado e ao mesmo tempo que é necesaria para o desenvolvemento forestal galego», argumentan.
A denominación de orixe da castaña ourensá debería centrarse, segundo indican desde a entidade ecoloxista, nos soutos de dez municipios. «A fundación subliña que se teñen que protexer as zonas da Teixeira, Manzaneda, Trives, San Xoán de Río, Vilar de Barrio, Maceda, Verín, Riós, A Barreira e Castrelo, por ser unhas das comarcas onde se teñen mellor coidados os soutos de castiñeiros», precisa o comunicado.
Promoción
A Fundación Germán Estévez matiza que a denominación de orixe non pode ser unha actuación illada para a promoción da castaña ourensá. Esta entidade ecoloxista cre que para relanzar esta actividade económica e manter deste xeito a diversidade ambiental dos montes da provincia son necesarias subvencións para os propietarios de castiñeiros.
Axudas
É por iso que no comunicado da fundación recóllese tamén a petición realizada á Consellería de Medio Rural para que abra unha liña de axudas para os produtores: «Para que sigan apostando polo coidado dos seus soutos e á súa vez seguir plantando especies nobres nas súas leiras».
Así o ven dende a fundación: «Aquí é onde se ven as sensibilidades da Xunta de Galicia por dinamizar o rural e apoiar aos veciños para que sigan reforestando as súas leiras con plantas ecolóxicas e que resultan fundamentais para a diversidade ambiental».
Ver Noticia original en La Voz de Galicia