Publicado en El Correo Gallego el 21/5/06
A editorial Sotelo Blanco publicou na serie O lapis aló polo 1993 este conto escrito por Xoán Babarro que logra engaiolar desde as liñas iniciais os primeiros lectores, e non só a eles, e que continúa mantendo a súa actualidade, pese a que non é fácil obter un exemplar.
O protagonista de A aldea das catro primaveras é a Terra das Mil Aldeas que chegará a converterse na Nación da Gran Cidade. Quen se mergulle nesta interesante historia (maiores ou pequenos) encontrarase ante a eterna disxuntiva entre o mundo rural e o urbano, cos problemas que cada día van a máis como son a contaminación, o ruído, os resultados da intervención do home na natureza, a técnica, o tráfico... e, todo isto, adubiado cunhas ilustracións sumamente atractivas realizadas por Tokio.
Deseguido queremos facer unha breve aproximación a quen é o artífice deste marabilloso conto. Trátase dun home que destaca ademais de como escritor, como lingüista, como filósofo e como profesor.
Ás voltas cun inventor de historias: o lingüista e escritor Xoán Babarro
Xoán Babarro, naceu en Calvelo de Maceda o 23 de decembro de 1947. Este catedrático de literatura e de lingua galega e especialista na variante máis occidental (estudoso, investigador e firme defensor do galego de Asturias), consagrouse de maneira oficial na literatura infantil no ano 1974 co premio de contos O Facho, posteriormente, recibiría o Barco de Vapor... Son numerosas as obras dedicadas ó público infantil que conforman o corpus deste creador. En calquera delas enxergaremos o seu compromiso cunha lingua e cun país, a súa sinxeleza expresiva combinada cunha gran riqueza léxica, un certo sabor tradicional, un evidente trasfondo didáctico...
Os lectores que se decidan por este contador de historias poderán escoller entre títulos tan suxestivos como Eioua e o seu nome, A tea de araña que todo o apaña, A chamada das tres raíñas, A festa dos mil contos, A néboa das escondidas, A princesa do cabaliño Café, , As bruxas esbrúxulas, Chalchihuites, Contos de trabecín trabezón, Cuco, cuquelo, que tes no fardelo?, Barrigaverde e o dragón Achis, Carpametacarpadeduna...... Calquera deles contribuirá a comprender e a fantasear sobre a realidade e o mundo que nos rodea.
Ver Noticia original en El Correo Gallego