Publicado en A Peneira Nº 410 el 7/3/06
Nota: Francisco Carballo presenta un artículo de opinión sobre la recuperación de nuestro poeta Xose L. Parente por parte de Santiago Prol.
Francisco Carballo
Santiago Prol (Maceda, 1960), profesor e investigador, acaba de publicar "Xosé Lois Parente, poeta e galeguista na IIª República. É a biografía dun malogrado galeguista de Maceda, Lois Parente del Riego, 1903-1948.
Parente compartíu cos galeguistas de Ourense as páxinas do "Heraldo de Galicia".Alcanzou relevo a súa polémica con Bóveda e Castelao
Era este un autor coñecido por "Prisma Azul", 1933, colección bilingüe de poemas con prólogo de R. Otero Pedraio. Un poeta promesa de quen perderamos o ronsel logo de 1936. Nel cúmprese o diagnóstico da historiadora Helen Grahan: a Guerra Civil 1936-1939 non só privou de vidas, tamén desfixo síquicamente persoas e a memoria biológica das xeracións inmediatas.
X. Lois Parente tivo que exercer de telegrafista durante aquela guerra, logo recuperou en Ourense praza, mais baixo a presión de expedientes e nun ambiente de ignominia. O terríbel tempo das "claudias" e do sofoco cultural. En Ourense falece, 3-V-1948.
A biografía de L. Parente que escribe S. Prol, devólvenos ao autor e permítenos reler a súa mellor poesía. Intimista ás veces, saudoso, renovador. Nel aparecen tanto a liña contemporánea dos poetas Amado Carballo, Luis Acuña, R. Carvalho Calero, como ecos loquiáns e incursións na poesía relixiosa. Parente compartíu cos galeguistas de Ourense as páxinas do "Heraldo de Galicia". Especialmente alcanzou relevo a súa polémica con A. Bóveda e A.D.R. Castelao nos anos 1935-1936. Parente ía en contra da alianza do Partido Galeguista coa Fronte Popular que se efectivizou nas eleccións de febreiro de 1936. A profunda fe católica de L. Parente non atopaba vías de conciliación en tal proxecto galeguista. Para Bóveda e Castelao só con tal alianza era alcanzábel a autonomía de Galiza. Obxectivo xusto e razoábel e desde o que sería factíbel unha Galiza de libertades religiosas e de dereitos humanos. Se ben Parente decidiu irse á Dereita galeguista, na campaña a plebiscitar o Estatuto de Galiza, xuño de 1936, participou en mitins con Benigno Álvarez e outros representantes da FP. Tal era o ánimo de firmeza galega de Lois Parente.
S. Prol logra enmarcar a vida breve de Parente nas coordenadas culturais daquela Galiza e daquela Europa. O lector pode recuperar a memoria que nos demoleron e comprender a dor, a desesperanza dun poeta que era telegrafista, farmaceutico e avogado. Toda unha ricaz personalidade que el transmitía para a reconstrucción deste país. Os malos ventos murchareon a flor e as balas a zoar en Auria duplicaron doenzas e despedidas.
Ver opinión en A Peneira
Descargar Nº 410 do Xornal A Peneira (1ª quincena Marzo 2006)