Publicado en ANosaTerra nº 1195 página 2

Centos de persoas abarrotan a Biblioteca de Marín e a cea-mitin
Un ronsel de persoas chegadas de todo o país felicitaron a Francisco Carballo na xornada de homenaxe que viviu en Marín o pasado día 22. Un acto na biblioteca da cidade foi o preludio da cea-mitin coa que concluiu a xornada. Un emocionado Carballo púxose a disposición, “para calquer traballo no que me poidades necesitar”.
Ás seis da tarde xa comezou a xuntarse a xente á porta da Biblioteca de Marín. Co seu pasiño obrigadamente curto, Xosé Chao Rego foi un dos tempraneiros, e despois, sobre a marcha, convidado a deixar testemuña da súa amistade con Carballo. A lista das case duascentas persoas que desbordaron o local até ficar na rúa, seguiu atentamente o percorrido que nfixeron os convidados a falar no acto de diferentes aspectos da persoalidade e as múltiples actividades de Francisco Carballo.
Rubén Aramburu, párroco de Santo Tomé de Piñeiro en Marín, foi o espléndido animador de toda a xornada, aberta por Santiago Prol cun sentido percorrido biográfico que abriu traendo a mensaxe dos viciños de Maceda a esta homenaxe “ao noso fillo máis sobranceiro”, tamén estaban presentes o ex-alcalde de Maceda e hoxe director xeral de Acción Social, Bieito Seara e a concelleira de cultura Rosa Carrera. Prol adiantou as múltiples facetas que se habían abordar, “Francisco Carballo fixo o reencontro con Galiza –dende Vigo– cunha inmesión global na sociedade: no sindicalismo docente (UTEG), no eido político (Bloque), no xornalismo (A Nosa Terra), na edición (Promocións Culturais Galegas), no asociacionismo cultural (Cultural de Vigo), na investigación (colección Historia de Galiza, escola de historiadores) na relixión (Irimia, Encrucillada,...)”.
Detalláronse despois as múltiples facetas dese compromiso. Engracia Vidal e Vitorino Pérez Prieto deron o retrato do entendemento do compromiso cristián de Carballo. Fixérono en parte tomando as propias afirmacións de Carballo, ben nas súas memorias privadas ou no libro Conversas con Francisco Carballo, “na Biblia, no Antigo Testamento, hai unha longa evolución na experiencia relixiosa dun Deus dos exércitos, a un Deus de paz, pero que exixe responsabilidades. Nisto irrompe Xesús de Nazaret; expresa coa súa vida e na súa predicación un Deus amor, abbá (papá), un Deus que nos espera e aposta por todos, que rexeita a discriminación: ven salvar a quen é maltratado e sofre fame, enfermidade, desprezo, etc. Xesús é a suprema realización humana. É digno de fe. Con el consegue o cumio a experiencia relixiosa, por iso creo que a súa testemuña é aceitábel: preséntame un Deus criador que continúa presente na súa obra. Deus crea, non só creou; segue esa obra á que somos invitados a colaborar. Crer no Deus de Xesús é concrear un mundo de paz, de igualdade, de respecto de todo e de todos. Xesucristo só afirma que se exclúen os que non colaboran co seu proxecto. Exclúense os que non socorren os famentos, sedentes, maltratados... os que non loitan pola xustiza e contra a pobreza”.
Un historiador novedoso
Anselmo López Carreira lembrou a súa primeira colaboración con Carballo, “cando editamos aquela Historia de Galicia do Frente Cultural da AN-PG, fixen un texto do que quizais hoxe me distanciaría, pero supuxo unha resposta á fame de saber dunha xeneración que quería coñecer a historia do seu país. Alí estivemos xuntos Felipe Senén, Xosé Ramón Barreiro, Carballo e eu mesmo. E lembro como me impresionou aquela precisión cuantitivista de Carballo, ca escola dos que dicían que documentos e calculadora eran os instrumentos do historiador. Despois xa foron anos de trato e outras experiencias en común”.
Tamén interviu o director de A Nosa Terra, Afonso Eiré, que asegurou que “sen Francisco Carballo A Nosa Terra non existiría (...) sendo presidente de Promocións Culturais Galegas implicouse totalmente no día a dia, deixando tarefas e vontades propias para traballar nun proxecto colectivo con media ducia de mozos con máis alento que experiencia. Experiencia que poñía Carballo, quer como editorialista, quer participando nas reunións semanais da redacción, quer discutindo e asesorando. Carballo era un compañeiro máis, que ademais funcionaba a xeito de interrruptor, de cortalumes das presións externas, deixando sempre claro que o periódico, como proxecto común, non podía ser usado en batallas ou intereses persoais, aínda que estes fosen lexítimos ou intereses políticos que non fosen claramente colectivos”.
Pilar García Negro fixo un canto ao compromiso de Carballo e lembrou o difícil episodio que se viviu co libro citado por Anselmo López Carreira, “cando se refería á morte de Xosé Ramón Reboiras, e aparecía escrito que fora asesinado, por certo un texto que non era directamente de Carballo senón dos editores. Mesmo sabéndoo, Carballo cargou coa responsabilidade e afrontou un proceso xudicial que o puido levar ao cárcere”. A profesora luguesa recordou a súa intervención no xuízo como especialista filolóxica.
O acto pechouno o deputado Francisco Rodríguez, que ademais de perfilar a importancia do compromiso político de Carballo, recoñeceuse desmemoriado para moitos feitos concretos daqueles anos da transición, “pero teño entre as miñas lembranzas cando Carballo, sempre comprometido politicamente co nacionalismo en tempos en que arreciaban as dificultades –ás eleccións de 1977 non puidemos apresentarnos porque non estabamos legalizados– accedeu a ir de candidato ao Senado, e mesmo nos advertiu que tivéramos coidado cun importante escritor que íamos incluír nas candidaturas, porque nos había deixar en evidencia e abandonarnos na metade do camiño. Fixémoslle caso e realmente que ben encamiñado ía!”.
Cea-mitin
A xornada de homenaxe, no ano do seu oitenta cumpreanos, continuou no pavillón do Colexio Público da Laxe, cunha cea que acabou por converterse nun mitin, quentado polas intervencións militantes de Rubén Aramburu, que xunto á concelleira do BNG en Marín, Pilar Blanco, leron diversas adesións ao acto chegadas e presentaron a Alfredo Suárez Canal, Conselleiro de Medio Rural, que foi o encargado de facer a ofrenda da homenaxe. Lembrou Suárez Canal a súa relación con Carballo “débolle un dos meus primeiros traballos, cando xunto a Xaquín Méndez Anta, fixéronnos un contrato no Colexio dos Paúles en Maceda. Carballo non estaba alí fisicamente pero vin que a súa maneira de entender as cousas estaba na boca de todos. Aquel era un lugar onde a liberdade e Galiza tiñan unha presenza cotián. Despois, cando coordinei a primeira campaña electoral do BN-PG, fumos xuntos a moitos mitins. O primeiro deles en Allariz causou tal impacto, polo que se dixo e por como o dixo Carballo, que por esixencia viciñal tivemos que repetilo aos poucos días. Para min que aquelo que pasou en xuño de 1977 tivo moito que ver con todo o que adiantamos nos anos seguintes”.
Un pequeno video realizado por Xoán Carlos Garrido Couceiro remitiu aos presentes a aquela época, amosándose imaxes dun dos mítines nos que interviu Francisco Carballo, que despois dirixu un vibrante mensaxe aos presentes, renovando o compromiso con toda a súa traxectoria e ofrecéndose a traballar mentres a saúde o acompañe. Antes das actuacións de Tonhito de Poi, de dous membros da Coral de Bueu e de Tino Baz, Iria Aboy fíxoselle entrega a Carballo dun carné de Galiza Nova.
Ver noticia orixinal en ANosaTerra