Publicado en Galicia Hoxe el 17/10/05
A Consellería de Vivenda substituirá os poboados chabolistas por un sistema de construción modular que se basea en pisos preparados en fábricas que se transportan ós lugares nos que se precise, segundo informou o departamento autonómico nun comunicado.
Este procedemento permite levantar os edificios con maior rapidez que mediante a construción tradicional, xa que evita os problemas metereolóxicos e permite realizar os traballos de cimentación e de urbanización ó tempo que a propia construción da vivenda na fábrica.
Ademais, o sistema facilita un maior control de calidade sobre o produto, dado que o 80 por cento da obra se realiza nunha nave industrial, así como unha maior especialización de man de obra.
Ademais, este tipo de edificacións con módulos prefabricados van estar preparados para empregararse tamén nos casos de emerxencia ou catástrofe –incendios, inundacións, etcétera– que obriguen a realoxar os cidadáns con urxencia.
A conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, destacou que entre as prioridades da súa xestión figura erradicar os poboados chabolistas que existen en diversos puntos de Galicia e facilitarlles o acceso a unha vivenda digna ós colectivos máis desfavorecidos, procurando, ó tempo, a súa integración social con políticas transversais doutras áreas de Goberno, neste caso coa Vicepresidencia da Xunta de Galicia.
Primeira experiencia en Maceda, Ourense
Como medida máis inmediata, a conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, explicou que o seu departamento ultima un proxecto de vivenda pública no municipio ourensán de Maceda, baseado neste sistema de edificación modular.
As 23 novas vivendas levantaranse no barrio de Reconco sobre unha zona chabolista e sobre un vertedoiro lindeiro selado recentemente. Unha vez rematadas, dara aloxamento ós habitantes das antigas chabolas.
A iniciativa, froito dun protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Maceda, resulta pioneira, xa que é a primera vez que se utiliza o sistema de edificación modular nunha iniciativa de vivenda pública.
Ver noticia original en Galicia Hoxe