Publicado en La Voz de Galicia el 7/7/05
Un instituto de secundaria de Santiago gaña o premio Rosalía para experiencias pedagóxicas
Unha ilustración completa dos tres grandes poemarios de Rosalía de Castro realizada polo IES de Santiago que leva o nome da autora logrou o primeiro premio do certame que convoca a Fundación rosaliana para experiencias pedagóxicas. A presidenta do xurado, a escritora Helena Villar, deu a coñecer o fallo onte nun acto informal celebrado na Casa-Museo de A Matanza, no concello de Padrón, e fíxoo mostrando a «satisfacción» da Fundación pola cantidade e, sobre todo, pola calidade dos traballos presentados a esta primeira edición do premio.
Xunto co IES Rosalía de Castro de Santiago, que recibirá 3.000 euros, foi premiado en segundo lugar e con 1.500 euros o IES San Mamede de Maceda, en Ourense, polo «carácter» innovador do seu traballo.
Ambos centros serán obsequiados, ademais, cun diploma e un lote de libros. Asimesmo, recibiron unha mención especial o Colexio Doroteas de Pontevedra, La Inmaculada de Marín, o CPI Progreso de Catoira e, finalmente, o CEP Pilar Maestú Sierra de Pobra do Caramiñal.
A entrega dos premios está fixada para o 15 de xullo, día dos actos conmemorativos do nacemento de Rosalía de Castro, actos que se celebrarán na Casa-Museo de A Matanza abertos ó público en xeral e nos que se poderán contemplar os traballos expostos no Centro de Estudios Rosalianos.
Profesores involucrados
En nome do xurado, que fixo a selección por unanimidade, Helena Villar valorou especialmente o «estímulo» do profesorado que, segundo dixo, se «involucrou» ao máximo así coma a diversidade de materias abordadas, todo ara coñecer mellor a vida e obra de Rosalía de Castro. Asimesmo, a escritora destacou a coincidencia de que o primeiro premio recaera nun centro educativo que leva o nome da poetisa.
Por outra banda, esta tarde reúnese a comisión executiva da Fundación rosaliana, que ten varios temas pendientes: a aprobación das contas, os actos do 15 de xullo e o plenario da entidade.
Ver noticia original en La Voz de Galicia