Publicado en La Voz de Galicia el 16/7/05
A comunidade escolar protagoniza en Padrón a festa institucional da Casa-Museo de Rosalía
Amigos e devotos de Rosalía de Castro déronse cita onte na Casa-Museo de A Matanza, en Padrón, para conmemorar a data do pasamento da escritora, un 11 de xullo de hai 120 anos. Pero, sen dúbida, o protagonismo do acto tívoo a comunidade escolar, convocada a raíz da entrega do primeiro Premio Rosalía de Castro para experiencias pedagóxicas, que recaeu nun instituto de Santiago que leva o nome da poetisa. En segundo lugar quedou o IES San Mamede de Maceda, en Ourense, mentres que outros catro centros foron distinguidos cunha mención.
Xunto coa comunidade escolar, o acto reuníu a representantes do mundo da cultura galega e mesmo a turistas e estudiantes estranxeiros, de modo que a Hortiña da Paz quedou pequena para a festa institucional da Casa-Museo, como así a denominou o membro máis antigo da Fundación rosaliana. Avelino Abuín de Tembra asegurou, ademais, que «Rosalía non morrerá endexamais para nós».
O responsable en funcións da entidade, Carlos Baliñas, tivo palabras de recordo para Agustín Sixto Seco e lembrou cando o doctor accedeu á presidencia da Fundación hai 34 anos. «As persoas pasan, pero as institucións perduran» dixo Baliñas, quen desexou «mil primaveiras máis de vida» para a institución rosaliana.
Ver noticia original en La Voz de Galicia