Publicado en Faro de Vigo el 18/5/05
Vilanova revive unha feira ambientada nos anos 50 coa mostra de 26 oficios tradicionais. Centos de persoas percorreron onte as rúas de Vilanova dos Infantes, coa torre medieval de fondo.
Á xente chámalle a atención esta colcha que vale 625 euros. Ten 30 anos e foi feita coa técnica gorullo, en tear baixo lizo", explica dende un expositor en Vilanova dos Infantes Josefina López, mentres fóra as palilleiras de "Novo Millenium" dan conta ante os visitantes do que supón o traballo dos bolillos.
Zoqueiros, cesteiros, alfareiros e ata máis de sesenta artesáns, representativos de 26 oficios, encheron as rúas e os baixos das casas de Vilanova, en Celanova, que onte acolleu a IV Romaría Etnográfica Raigame.
As rúas e os vestidos ambiéntanse nas feiras dos anos 50 e, ademais da venda, os profesionais amosan o todo o proceso dos traballos artesanais. Unha ducia de mulleres de Parada de Outeiro (Vilar de Santos) instalaron un fiadeiro na Praza Maior e explicaron durante a mañá aos máis cativos as labores de maza, tascado, asedado e fiado. A uns metros, José Pereira destilaba augardente. Ten 40 anos e traballa o bagazo dende os 17. Tamén o zapateiro Antonio González, chegado dende Maceda, atende as preguntas "da xente nova, que non ve moitos destes traballos e se interesa". Xunto a súa muller, Marina Morales, fiadora, fala dos tempos nos que comezou a facer chancas "porque eramos 13 irmáns".
Cada hora, dez nenos do colexio Sagrado Corazón de Celanova participaban nun taller de xigantes e cabezudos, recuperado dun programa orixinal das festas de Vilanova, que data do ano 1954 e foi escaneado. Agora, propóñense recuperar a máscara da "raíña", que saíu por última vez ás festas nos anos 60.
A temperatura axudou nunha xornada que estivo animada por 32 grupos de ambientación da provincia e de Portugal. A venda de artesanía centrou as demandas dos visitantes, tamén lusos, que pararon nas numerosas tabernas instaladas nos baixos das casas dos veciños de Vilanova.
O gremio dos afiadores tamén estivo representado. A adega de San Bibián acolleu unha exposición de rodas de afiar de Florencio de Arboiro.
Ver noticia original en Faro de Vigo