Publicado en Faro de Vigo el 17/5/05
Dentro do apartado de ourensanos de adopción hai que citar a Antonio Noriega Varela -Día das Letras Galegas de 1969-.
Naceu en Mondoñedo en 1869. A súa relación con Ourense foi a causa dun traslado en 1901 a Calvos de Randín. Despois de tres anos consegue trasladarse como mestre a Trasalba, preto de Ourense, onde fai amizade con Otero Pedrayo e os demais integrantes do grupo Nós. O rural ourensán tivo poderosamente que influír na súa obra, dado o tempo que aquí nesta provincia pasou. É autor dun único libro, Do ermo (1920, 1929 e 1916). Morreu en 1947.
Alfonso X "O Sabio" -ano 1980- foi un rei que dedicou os seus esforzos á cultura. Tiña unha grande formación, mesmo musical. A súa obra lírica elixe como idioma o galego aprendido de neno no Concello de Maceda, en Ourense. Deixounos cantigas de amor, de escarnio, pero especialmente o maior monumento da poesía en lingua galega, as Cantigas de Santa María, 420 cantos á Virxe, que constitúen a xoia máis prezada da literatura galego-portuguesa.
Xesús Ferro Couselo -ano 1996- naceu en Pontevedra en 1906, mais dedicou a súa vida intelectual a recupera-lo pasado de Ourense. Organizou o Museo Arqueolóxico Provincial e a Agrupación Cultural Auriense. A súa produción en galego é cativa. Entre os escritos en galego sobresaen O deus de Bandúa da Veiga, O Magosto do Señor San Martiño. Na obra de Ferro Couselo salientan dous traballos dedicados á lingua galega. O máis importante deles foi A vida e a fala dos devanceiros. Morreu en 1975.
Roberto Blanco Torres -ano 1999- nace en 1891 en Cuntis. Emigra a Cuba e traba amizade con Antón Vilar Ponte. Entra en contacto con Basilio Álvarez, o cura ourensán e adhírese á causa do agrarismo. Volve a Galicia e colabora con periódicos como Faro de Vigo. A súa relación con Ourense témola en 1922, cando asiste á IV Asemblea Nacionalista en Monforte como delegado da prensa de Ourense, cidade na que reside.
Lorenzo Varela Vázquez -Día das Letras Galegas 2005- tivo unha estreita relación con Celso Emilio Ferreiro, nas Mocidades Galeguistas, con Fernández Mazas, Eduardo Blanco Amor e Ramón Otero Pedrayo.
Ver noticia original en Faro de Vigo