Alcaldes e concelleiros nacionalistas nas comarcas de Allariz, Maceda e A Limia, presentaron onte na casa consistorial de Vilar de Santos a campaña O dereito de vivir como galegos, ademais de ler o manifesto do BNG sobre a defensa da lingua e normalización do idioma. Xosé Manuel Pérez Bouza, responsábel comarcal do BNG e Xan Xardón Pedras, alcalde de Vilar de Santos, foron os encargados de presentar dito manifesto.
A campaña responde a dous tipos de organización. No plano institucional, nos concellos nos que goberna o BNG, Allariz, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga e Maceda, editarase un bando no que se pon en valor o idioma galego e se convida aos veciños e veciñas a utilizalo como idioma preferente na súa vida diaria. A nivel orgánico, o BNG organizará catro actos na comarca, que con diferentes formatos, intentarán facer chegar ao conxunto da poboación cal é o seu posizonamento en relación a situación actual do galego.
Xinzo de Limia acollerá dous dos actos preparados. O primeiro, terá lugar na Casa da Cultura o próximo xoves as 20:30 horas. O segundo terá lugar o sábado 17, ás oito da tarde, na Praza Maior de Xinzo coa lectura de diferentes textos de autores galegos con motiva da festividade das letras galegas. O Fogar do Maior de Allariz pola súa parte acollerá o vindeiro Xoves, ás 20:30 horas, un acto público coa participación de Francisco García e Ana Pontón. O castelo de Maceda, pola súa parte, acollerá as intervencións de Xabier Oviedo, Santiago Prol e Carlos Aymerich.
La Voz de Galicia - Ed Ourense - 06/05/2007