Publicado en Xornal.com el 25/5/05
Activación en Maceda do primeiro Punto de Información multimedia (PI) do Servizo Galego de Colocación (SGC).
A conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado, participou onte no concello ourensán de Maceda na activación do primeiro Punto de Información multimedia (PI) do Servizo Galego de Colocación (SGC). O terminal, instalado na casa do concello, permitirá a renovación das demandas de emprego a través dun sistema de identificación por pegada dixital, así coma o acceso á información da páxina web do SGC.
XORNAL I A Coruña.- A consellería priorizará a instalación dos terminais en concellos que carezan de oficina de emprego. Deste xeito, evitarase o desprazamento dos usuarios cando teñan que renovar as súas demandas. O plan contempla a instalación de 50 PI durante o 2005. Os seguintes en activarse serán os de Quiroga (Lugo), Noia (A Coruña) e O Grove (Pontevedra).
Para renovar a demanda de emprego a través do PI, o usuario debe acudir primeiro a unha oficina do SCG, onde se lle rexistrarán as súas impresións dixitais. Unha vez feito este rexistro, poderá utilizar calquera terminal da Comunidade Autónoma para facer a renovación.
Ademais, nunha segunda fase do programa, os Puntos de Información permitirán, previa identificación da persoa, consultar a información persoal existente na base de datos do Servizo Público de Emprego.
OBXECTIVOS.- O plan de instalación de PI enmárcase dentro do proceso de modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia. Un dos obxectivos primordiais deste proceso é achegar o máis posible aos cidadáns as operacións que, ata o de agora, se estaban a realizar nas oficinas de emprego.
Nesta liña de actuacións, o pasado ano púxose en marcha a aplicación contrata, que permite rexistrar os contratos de traballo a través da internet, sen ter que acudir ás oficinas de emprego. A aplicación, que pode ser xestionada directamente polas empresas ou por xestorías previamente autorizadas por elas, obtivo unha grande aceptación no mundo empresarial.
O proceso de modernización do servizo público de emprego comprende tamén as reformas que se están a levar a cabo na rede de oficinas de emprego co obxectivo de optimizar os seus resultados. As modificacións xiran arredor de tres eixos principais: a redistribución xeográfica das oficinas, unha maior introducción das tecnoloxías da comunicación no seu funcionamento e máis implicación dos técnicos de emprego co entorno local. Está previsto que o programa de revisión das oficinas de emprego da Xunta conte cun orzamento de 4.700.000€ a investir no periodo 2005-2007.
Noticia original en Xornal.com